Xunta de Galicia 11

                           

                                                                                                                                                                                                                                                   

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar nun novo proxecto educativo impulsado desde o eido da arquitectura e orientado aos nenos e adolescentes galegos.

Así o acordaron hoxe a conselleira Ángeles Vázquez, e a arquitecta Sandra González Álvarez, promotora da iniciativa de carácter pedagóxico e divulgativo A vila do mañá, que xa se levou a cabo ata o momento en ao redor de 15 concellos galegos e cuxo obxectivo é que, desde a infancia e a través do xogo, se cree conciencia sobre todas as escalas do espazo común: a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe.

De igual xeito, tal e como lle explicou á conselleira, tamén se busca levar a disciplina arquitectónica ao mundo dos nenos para que haxa un intercambio de coñecementos e os profesionais se poidan achegar á visión das vilas e cidades que teñen as novas xeracións.

Para iso, A vila do mañá propón a realización de toda unha serie de obradoiros impartidos por estudantes da Escola Técnica Superior de Arquitectura, adaptados en cada caso á idade dos participantes e nos que a rúa se converte nun auténtico espazo operativo, poñendo a disposición de nenos e adolescentes todas as ferramentas necesarias para que desenvolvan a súa creatividade desde a arte e a arquitectura.

Neste sentido, Ángeles Vázquez celebrou que iniciativas como esta poñan o foco sobre o urbanismo, a paisaxe e a relación que mantemos co noso entorno desde idades moi temperás, buscando unha implicación activa por parte das novas xeracións nos procesos de construción dos barrios, cidades e prazas e na mellora das contornas abandonadas ou deterioradas polo impacto do chamado feísmo urbanístico.

Pola súa parte, González subliñou a importancia do contacto entre diferentes xeracións para garantir unha aprendizaxe bidireccional, pois os nenos participantes “descobren o que hai detrás dos muros” de edificios da súa contorna como, por exemplo, a Casa do Concello.

Cómpre lembrar que a Consellería tamén colabora desde o ano 2000 co Colexio Oficial de Arquitectos no chamado Proxecto Terra, un programa de actividades pedagóxicas que se desenvolve en centros educativos de toda Galicia co obxectivo de educar e xerar espírito crítico entre o alumnado de Primaria e Secundaria en relación coa arquitectura e a paisaxe.

Comparte!

Grazas polo teu aporte